Sunday 28 de April de 2024

Inicio do proceso de captación de participantes no proxecto Agro da Pobra


O proxecto de aproveitamento de excedentes Agro da Pobra vai collendo cada vez máis forma. A iniciativa posta en marcha pola Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), dá un paso máis co inicio do proceso de captación de persoas participantes, tanto daquelas que desexen estar na parte da venda coma da compra.

Por iso, no 8 de novembro, ás 19.00 horas, realizarase no Coworking unha xuntanza informativa coa cal dar a coñece-la evolución na formalización da asociación e a estrutura de comercialización dos excedentes.

O encontro contará coa participación de persoas asistentes ás xornadas formativas desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, ademais de todas aquelas que estean interesadas en coñecer máis sobre el. Non se require a inscrición previa.

Entre os obxectivos figuran pór en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.